É o órgano permanente de colaboración, coordinación e consulta entre a FEMP e as distintas Federacións Territoriais de Entidades Locais vinculadas á mesma.
Correspóndelle articular as relacións da FEMP coas Federacións Territoriais e destas entre si, coordinando as iniciativas que sexan de interese común para as Entidades Locais, elaborar propostas de actuacións concretas que emprender conxuntamente entre a FEMP e as distintas Federacións Territoriais, impulsar, por iniciativa das Federacións Territoriais, a defensa e promoción dos intereses específicos dos entes locais dos seus respectivos territorios, formular propostas de liñas xerais de actuación coordinadas entre a FEMP e as Federacións Territoriais, no marco das resolucións aprobadas pola Asemblea Xeral da FEMP, elevándoas ao Consello Federal e á Comisión Executiva para a adopción dos correspondentes acordos, así como calquera outra función que puidera serlle atribuída expresamente polos órganos reitores da Federación.
Está composto polo Presidente e Vicepresidentes da FEMP e polos Presidentes das Federacións Territoriais vinculadas á Federación, aínda que tamén poderán participar en calidade de invitados, con voz e sen voto, as asociacións de municipios non vinculadas.
O Consello Territorial conta cun Secretariado como órgano de apoio, composto polos Secretarios Xerais das Federacións Territoriais e polo Secretario Xeral da FEMP, sendo este último quen deba presidir e coordinar as reunións e traballos que realice dito Secretariado.
Reúnese en réxime de sesión ordinaria, cando menos, unha vez cada tres meses. A súa organización e funcionamento regúlase polo seu propio regulamento aprobado, a proposta deste, pola Comisión Executiva e o Consello Federal da FEMP que, en todo caso, debe respectar as garantías mínimas establecidas no artigo 51 dos vixentes estatutos da Federación.