FEDERACION ESPAÑOLA DE MUNICIPIOS Y PROVINCIAS

Vitoria, Capital Verde Europea 2012


Vitoria será a Capital Verde Europea no Ano 2012; así o decidiu recentemente en Estocolmo un xurado internacional, que veu a recoñecer o labor realizado durante os últimos anos polos diversos responsables locais de Vitoria Gasteiz. A cidade, rodeada por un anel verde de máis de 500 hectáreas e 50 quilómetros de camiños para camiñantes e ciclistas, bosques, ríos, campos de cultivos e, ademais, a braña de Salburúa, é unha das urbes europeas con maiores espazos verdes por habitante.



A este importante patrimonio natural súmanse outros factores relacionados cos usos dos cidadáns, que o Alcalde da cidade, Patxi Lazcoz, destacou á hora de valorar o recoñecemento de Capital Verde; así, asegurou que foron moitos pequenos xestos cidadáns os que fixeron posible que a cidade conte cuns datos de baixo consumo de auga ou de uso do transporte público "excepcionais", igualmente tidos en conta polo xurado. Destacou tamén a importancia da "coraxe política" para impulsar medidas "difíciles" como evitar o consumo excesivo de chan na construción ou o Plan de Mobilidade Sostible.

Na súa primeira comparecencia tras recibir o galardón, Lazcoz dixo que mira xa o ano 2012 "con responsabilidade" porque Vitoria é unha cidade na que se vai poder levar a cabo calquera tipo de ensaio en materia ambiental para extrapolalo logo ao resto de Europa, o que a vai converter en "un espello para 400 millóns de europeos".

Ademais, considerou que o premio pode ser un "baluarte para xerar emprego e riqueza" e dixo que aínda que faltan aínda 14 meses para exercer de Capital Verde Europea, as visitas á páxina web de Vitoria se duplicaron e a versión que máis se viu é a que está en inglés. Na carreira por conseguir a Capitalidade Verde, Vitoria impúxose a outras cidades tan relevantes como Barcelona ou Malmö (Suecia)