FEDERACION ESPAÑOLA DE MUNICIPIOS Y PROVINCIAS

A Alcaldesa de Palma, Aina Calvo, aposta polo liderado do CMRE como representante das cidades e rexións europeas


A Alcaldesa de Palma de Mallorca, Aína Calvo, mostrou a súa aposta por dar ao Consello de Municipios e Rexións de Europa (CMRE) un novo liderado nas institucións europeas como representante dos Gobernos Locais e Rexionais, durante a súa intervención hoxe en Xenebra con motivo do 60 aniversario desta organización. Calvo, que ocupa a Copresidencia do CMRE, propuxo tamén facer da política de cohesión un obxectivo permanente da UE e recordou a celebración na súa cidade dun próximo encontro do Consello, no que participarán responsables locais de toda Europa.




O 28 de xaneiro de 1951, un grupo de 60 Alcaldes de Francia, Suíza, Benelux e Italia, guiados polo espírito de que "Todo divide aos Estados e todo une aos municipios", daban o primeiro paso para crear unha rede de municipios unidos baixo o obxectivo común de evitar calquera novo conflito e de promover o ideal dunha Europa baseada na autonomía local. Aquel encontro celebrouse no Concello de Xenebra e supuxo o nacemento do Consello de Municipios de Europa, CME, que cos anos incorporaría tamén as rexións europeas e pasaría a chamarse CMRE.

Sesenta anos máis tarde, hoxe, 28 de xaneiro de 2011, e na mesma cidade suíza, un número máis amplo de responsables locais, representantes dun CMRE ampliado a todo o continente (53 asociacións nacionais de poderes locais, entre elas a FEMP, de 39 países) realizaron as súas achegas de futuro ao movemento local e rexional europeo no marco do Encontro "A Europa que queremos, a Europa que necesitamos".


Aina Calvo, recentemente elixida Copresidenta desta organización e Vogal da Executiva da FEMP, recordou o relevante papel que o CMRE xogou no nacemento da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) que, dende a súa constitución, en 1981, se erixiu como Sección Española do CMRE, conseguindo para o municipalismo español unha incorporación a Europa anterior mesmo á do propio Estado español. A Alcaldesa recoñeceu o traballo do CMRE na defensa e implantación da autonomía local en Europa e subliñou o seu papel no ámbito dos irmandamentos e na implantación da Carta Europea para a Igualdade de Mulleres e Homes na Vida Local, aspecto este no que tivo un emotivo recordo para Vicenta Bosch, falecida Alcaldesa de Bonrepós i Mirambell, que impulso a elaboración desta Carta no seo do CMRE.