FEDERACION ESPAÑOLA DE MUNICIPIOS Y PROVINCIAS

Nova regulación das actividades contaminantes e da mellora da calidade do aire


O Consello de Ministros aprobou dous Reais Decretos que actualizan e melloran a normativa en materia de calidade do aire e sobre regulación das actividades contaminantes da atmosfera. Estes textos desenvolven desenvolven a Lei de Calidade do Aire e Protección da Atmosfera de 2007 e facilitan o seu cumprimento a través dun articulado que unifica toda a normativa vixente nesta materia. As Comunidades Autónomas terán amplas competencias na súa aplicación.


O Real Decreto relativo á mellora da calidade do aire define e establece os obxectivos de calidade do aire para cada un dos contaminantes regulados nesta norma. Tamén o xeito de avaliar a calidade do aire en todo o territorio (a través de medicións e de modelización) e a forma de proceder na xestión posterior, de acordo aos resultados obtidos na devandita avaliación. Igualmente, establece a información a intercambiar entre as Administracións local, autonómica, nacional e europea.
Como principais novidades, inclúense obrigas para as partículas de tamaño inferior a 2,5 m (PM 2,5), seguindo as especificacións da Directiva, e establécese a obriga nova de vixiar os niveis de amoníaco en aire en estacións de fondo rexional e en estacións de tráfico das cidades españolas de máis de cincocentos mil habitantes.
Ademais, precísase o contido dos plans de mellora de calidade do aire, xa introducidos na Lei de 2007, e, en especial, dos plans nacionais que executará o Goberno para aqueles contaminantes en que se observe comportamentos similares en canto a fontes, dispersión e niveis en varias zonas ou aglomeracións.
Por último, regúlanse as condicións e o xeito de proceder para solicitar exencións na aplicación dos valores límite de partículas ou prórrogas no prazo para o cumprimento dos valores límite de dióxidos de nitrógenos e benceno que, en último caso, concederá a Comisión Europea.


Catálogo de actividades contaminantes
No que respecta ao Real Decreto que actualiza o Catálogo de actividades potencialmente contaminadoras da atmosfera, o novo texto actualiza a regulación e cataloga as instalacións que xeran emisións contaminantes á atmosfera e as caracteriza de acordo ao seu potencial grao contaminador. Tamén desenvolve os requisitos que deben cumprir para minimizar e controlar as emisións.
Esta regulación, ademais, vai permitir reducir os custos asociados sobre os titulares das instalacións e Administracións mediante a simplificación dos procedementos e controis por medio dunha modulación dos requisitos aplicables a cada actividade en función do seu potencial contaminador.
Obrigas
A norma complétase co desenvolvemento dunha serie de obrigas xerais dos titulares das instalacións, tales como a realización de controis das emisións, o mantemento de rexistros das medidas de contaminantes desenvolvidas, e a comunicación da información relativa ás emisións e controis ao órgano competente da súa Comunidade Autónoma.
Ambas as dúas normas completan, igualmente, a derrogación do Real Decreto de 1977 que desenvolveu a antiga Lei 38/1975, derrogada xa pola Lei de Calidade do Aire e Protección da Atmosfera de 2007 co cal queda definitivamente actualizado o marco regulador da calidade do aire e das actividades potencialmente contaminadoras da atmosfera.
O Goberno espera con estas iniciativas lograr unha redución dos problemas de contaminación de ámbito local e global, redundando nunha mellora da calidade do aire, que evitará, previrá ou reducirá os efectos nocivos de certos contaminantes atmosféricos sobre a saúde humana e o medio.

Documentos relacionados_gl

Documentos relacionados_gl

Nota

(0.0Kb)