FEDERACION ESPAÑOLA DE MUNICIPIOS Y PROVINCIAS

O Goberno e a FEMP asinan un convenio para reducir as cargas administrativas no ámbito local


O Vicepresidente Terceiro do Goberno e Ministro de Política Territorial e Administración Pública, Manuel Chaves, e o Presidente da Federación FEMP, Pedro Castro, subscribiron hoxe un convenio de colaboración para reducir as cargas administrativas no ámbito das Entidades Locais. O obxectivo é avanzar na eliminación dos trámites innecesarios no conxunto das administracións públicas e ata alcanzar unha redución do 30% antes de que finalice o ano 2012.



O acordo, que dá continuidade ao asinado en febreiro de 2009, dedica unha especial atención á simplificación de procedementos en materias como establecemento industrial de empresas, autorizacións e licenzas para actividades comerciais e nos seis procedementos que dentro do ámbito local poidan ser considerados de maior impacto polo volume anual de trámites ou pola poboación afectada.

Estas medidas, ademais de facilitar a relación diaria dos cidadáns coa administración, contribúen de forma moi importante á dinamización da economía, a mellora da competitividade do sector empresarial e a creación de emprego.

Desta forma, dáse un novo impulso ao cumprimento do Plan de Redución de Cargas Administrativas, aprobado polo Goberno en 2008 e que ata a data representou a posta en marcha de 247 medidas de eliminación de trámites innecesarios e permitiu un aforro a empresas e cidadáns que supera os 4.300 millóns de euros.

Segundo as estimacións do Banco de España, a UE e a OCDE, as cargas administrativas representan un custo para a economía de en torno ao 4,6% do Produto Interior Bruto español. Unha redución do 30% representaría polo tanto unha cifra próxima aos 15.000 millóns de euros, dos que 10.000 corresponderían á Administración Xeral do Estado e 5.000 millóns ás comunidades autónomas e entidades locais.

Intercambio de información


En virtude deste novo convenio, o Ministerio de Política Territorial e Administración Pública e a FEMP crearán un marco de estudo e intercambio de información en materia de redución de cargas administrativas. O Goberno tamén facilitará a participación de representantes da Federación nos foros de intercambio de información abertos coas comunidades autónomas.

Igualmente, o Ministerio poñerá a disposición da FEMP unha ferramenta informática deseñada especificamente para a aplicación do método simplificado de cargas administrativas e colaborará coa Federación na difusión de proxectos pilotos e de boas prácticas realizadas polas administracións locais nesta materia.

Pola súa banda, a FEMP difundirá entre os seus asociados as novas prioridades de valoración dos proxectos de modernización administrativa local -fundamentalmente no relativo ao obxectivo de redución do 30% de cargas administrativas-, así como os proxectos pilotos e as boas prácticas das entidades locais levadas a cabo en execución do convenio de colaboración do 17 de febreiro de 2009. A Federación comprométese, ademais, a favorecer que os Concellos proporcionen ao sistema xeral de medición de cargas os datos relativos ás accións de redución de cargas realizadas dentro do seu ámbito territorial e competencial, especialmente no que se refire á incidencia económica das devanditas accións.

Proxectos piloto

O acordo subscrito en 2009 posibilitou entre outras actuacións a posta en marcha de proxectos piloto en dez municipios españois: Elche, Castelló, Logroño, Palencia, Villalbilla (Burgos), Aledo (Murcia), Miguelturra (Ciudad Real), Villanueva de la Cañada (Madrid), Esplugues de Llobregat (Barcelona) e Catarroja (Valencia). Froito daquel convenio é tamén o manual que establece un método simplificado de medición e redución de cargas administrativas, ademais de incorporar as experiencias postas en marcha por eses dez concellos. Neste documento participaron grupos de expertos das tres administracións territoriais.