FEDERACION ESPAÑOLA DE MUNICIPIOS Y PROVINCIAS

GOBLOnet revoluciona a forma de traballar das Administracións Locais españolas


Durante o primeiro mes transcorrido dende a súa posta en marcha, GOBLOnet, a rede de Gobernos Locais impulsada pola FEMP, recibiu 20.550 visitas, visitáronse 176.522 páxinas e máis de 3.000 persoas deron de alta un perfil nesta rede social de Gobernos Locais. Así o mostran as análises realizadas pola FEMP, nos que tamén chama a atención que os visitantes proceden de case un centenar de países de todo o mundo.





A iniciativa está a supoñer un cambio de concepto na forma de traballar de miles de electos e técnicos locais, a participación e a colaboración en grupo que GOBLOnet facilita está a posibilitar a aplicación de xeito uniforme de normas así como compartir experiencias de forma rápida e eficaz permitindo que os casos de éxito duns municipios sexan postos en marcha por outros.

En canto aos perfís de usuarios, máis do 65% deles corresponden a técnicos municipais de todas as áreas; case un 15% son electos locais -Alcaldes, Concelleiros e responsables políticos provinciais e insulares-; un 10% englóbase baixo a categoría xeral de "cidadáns", na que se inclúe un bo número de expertos e analistas procedentes de universidades e institucións e interesados na Administración Local; o resto son técnicos de Federacións e Asociacións Municipalistas, e perfís incluídos na categoría xenérica "outros".

Os recursos desta rede son apropiados especialmente para o traballo en equipo e, ademais, permiten gañar tempo e evitan desprazamentos, dúas particularidades especialmente valoradas cando a austeridade económica se impón nas institucións.

GOBLOnet é xa o soporte que permitiu a creación de 125 grupos de traballo nos que, técnicos municipais e provinciais e expertos en cuestións relacionadas co Goberno Local establecen marcos de discusión, foros de debate e intercambio de experiencias sobre temas concretos. Algúns deles realizan un traballo conxunto de elaboración de documentos. Este espazo virtual de traballo permite respostas máis rápidas, facilita a participación simultánea de varios usuarios, aforra tempo, non esixe viaxes e aumenta a eficacia da actividade.

A rede completa todo o anterior coa posibilidade de realizar videoconferencias, unha utilidade que non está presente en redes sociais xeralistas.

A actual posibilidade de subir documentos de interese á rede -en GOBLOnet xa ten máis de 300 documentos incorporados-, completarase moi pronto cunha maior facilidade para que os usuarios poidan incorporar fotografías e vídeos dende os seus propios equipos; ademais, a dispoñibilidade de GOBLOnet en castelán, inglés e francés -e moi pronto en alemán- veñen a abrir un espectro aínda máis amplo de potenciais usuarios da rede.

Españois, europeos e iberoamericanos

As análises realizadas pola FEMP mostran que o territorio español é maioritario no que a procedencia de usuarios se refire. En canto aos estranxeiros, un 20% dos usuarios proceden de países europeos, e o resto, de Iberoamérica -GOBLOnet ten entre os seus usuarios nacionais de catorce países iberoamericanos, e tamén de Estados Unidos-.

GOBLOnet incorporou, ademais, un guía que facilita a localización de lugares de interese en cidades diversas e, en breve, engadirá a posibilidade de emitir votos con DNI electrónico e de xestionar inscricións en cursos e xornadas.